O deputado provincial do PSdeG-PSOE Miguel Bautista critica que o Partido Popular se negara a dar a súa posición, no debate en Comisión Informativa da Deputación Provincial, sobre a moción que propón unha partida orzamentaria para iniciar as obras na estrada da Deputación a San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras.
O deputado socialista Bautista considera que o Partido Popular non é consciente da desesperanza dos veciños «que levan máis de 20 anos coa estrada desfeita, sen posible comunicación, cunha sinalización da Deputación que prohibe circular e sen que se teña feito ningunha planificación para ir actuando na mesma e que se poida crer que se vai facer algo para garantir a comunicación dos veciños».
Miguel Bautista manifesta que esta é a peor situación dunha estrada correspondente a rede viaria da Deputación e mentres se fan actuacións noutros moitos puntos aquí lévase anos e anos sen atender a reclamación da Corporación municipal e veciños.
O deputado de Valdeorras considera que xa chegou o momento de presentar «un plan de actuación crible, con dotación económica que permita empezar a contratar fases das obras que hai que acometer. Non é comprensible que a Deputación teña remanente de tesourería e non afronte as súas obrigas na rede de vías das que é titular e se manteña este problema sen resolver».
O socialista demanda que nesta semana que queda ata a celebración da sesión plenaria (o 27 de maio) ,»se reflexione e se busque un acordo que tranquilice ao veciños e se empecen a ver accións concretas».