Ademais, na provincia terán lugar outros xestionados directamente pola Dirección Xeral en Muíños, Vilamarín e A Peroxa.

Rey Varela asina convenios para a organización de campos de traballo en Ourense e Celanova

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, María Sol Díaz, asinou os convenios que permitirán a organización dos campos de traballo 2016 na provincia de Ourense aos que definiu como “unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade”. Concretamente, a Delegación Territorial da Xunta en dita provincia acolleu a firma dos acordos cos concellos Ourense e Celanova. Ambos son de carácter internacional, para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos e contan con 20 e 25 prazas respectivamente. Ademais, na provincia terán lugar outros Campos de traballo xestionados directamente pola Dirección Xeral en Muíños, Vilamarín e A Peroxa.

O responsable de Política Social asegurou que estes campos de traballo “son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de xeito altruísta e solidario, poñendo o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade”.

En Ourense levarase a cabo un campo medioambiental e social do 1 ao 11 de agosto. As actividades que desenvolverán os participantes consistirán no acondicionamento de terreos para uso agroecolóxico, dotación de elementos de apoio como a construción dun pequeno pendello para almacenaxe, deseño de hortas, plantación de verduras de outono- inverno e formación e asesoramento na comercialización de produtos agrícolas.

En Celanova organizarase un campo cultural do 15 ao 26 de xullo, no que o alumnado participará de forma prácticas en obradoiros de formación sobre as distintas disciplinas que se conxungan para poder levar a cabo un audiovisual, dende a redacción do guión ata, incluso, os principios da interpretación, pasando loxicamente pola produción, a rodaxe ou a posprodución entre outros procesos dunha curta, dun documental, un anuncio publicitario, animación por stop-motion, etc.

Os mozos e mozas galegos poderán escoller entre participar nos 24 campos de traballo que se organizan en Galicia, ou ben ir aos 120 que se celebran noutras comunidades españolas ou aos 250 campos que terán lugar en 34 países de Europa, Asia, África e América.

Os interesados nesta campaña, poden consultar toda a información relativa á mesma en http://xuventude.xunta.es.