Por Ramsés Torres e Silvia Nieto.
Formado en Benposta, en canto caeu unha cámara nas súas mans comezou a practicar por libre no mundo do audiovisual. Emigrou a Madrid, traballou en televisión e estudiou na Escola de Cristina Rota (pero deuse conta que ser actor non era o seu). Máis tarde –cando cumpriu a maioría de idade- formouse para ser especialista de cine na escola de Ángel Planas. Logo chegaría o momento de adentrarse nas curtametraxes.Coa única bagaxe de “The Doom”, foi nesta – “Share o no share”- coa que aprendeu a facer de todo. Falamos con Juan Hervella-Rego –Juanchis Lee nos seus anos mozos-.
Como xurdiu esta curta?
J.H.: “Ía un día pola rúa facendo xogos de palabras. Era cando o programa Gran Hermano non era a merda repetitiva que é hoxe e veume á cabeza o Gran Rumano. A partir de aí o resto saiu deseguido. É a historia dun reality show sobre seis inmigrantes que queren acadar o permiso de residencia. Ocorréuseme fai moito tempo, hoxe por hoxe xa non é tan estraño; iso significa que a televisión, por desgraza, avanzou cara a inhumanidade. Isto mestureino con outra historia de pelexas… senón hai hostias é coma se non fora meu. Foi a historia medrando, metinme nela e ao final remateina”.
Tardaches moitos anos en completala, que pasou?
J.H.: “Tardei moito. A ignorancia é moi atrevida. Cando eu me decidín a rodar tiña un guión no que se me foi a man, era moi complexo poder plasmar as escenas, o que escribira, non se podía facer. Tiven que afastarme do mundo, encerrarme.
Editei unha versión imposible de 47 minutos que non tiña nin pés nin cabeza. Despois o director Miguel Ángel Lamata axudoume a editala vía telefónica. E deixámola en 19 minutos que é o que dura agora”.
Como foi traballar con actores como Luis Tosar, Luis Zahera…?
J.H.: “Imaxínate, tiña unha versión dos personaxes que en realidade eran moito menos profundos dos que eles poderían agardar así que non se esperaba unha interpretación ao “Sonrisas y lágrimas”. A veces sentíame cohibido á hora de dirixilos, pero eles axudáronme moito. Sobre todo aprendín moito”.
Nas túas curtas hai moita acción. Estás cómodo nese xénero?
J.H.: “É o que mellor sei facer. Como espectador gústame de todo, pero vendo acción foi como me namoreime do cine. Por agora é o que quero facer”.
O primeiro título para este traballo era “Enemicísimo”, por que o cambio?
J.H.: “Ao rodalo da maneira no que o rodei, ao facelo a tiróns, a historia foi cambiando tanto… “Enemicísimo” ía moi ben para a historia orixinal. Din que os títulos hai que escollelos ao final e eu collérao antes de gravar. Finalmente derivou en “Share o no share”, pero desde logo non pretendo emular a Shakespeare xamais”.
Como recibes a nova da proxección da curta en Cans?
J.H.: “Feliz ata a morte porque o Festival de Cans é, para min, básico e esencial. Creceu empezando do freak e anecdótico, pasou a ser un pouco a meca do audiovisual galego. Alfonso Pato, director do Festival, interesouse pola miña curta xa desde o principio, cando estaba rodando, e cando dirixía o glorioso programa “Onda curta” enviou a Ourense a uns reporteiros a facer unha reportaxe do tema e incluso proxectara un tráiler antigo deste traballo en Cans.
Non sabía se o ían seleccionar porque a competencia é moi dura.Vin traballos que estarán presentes que son moi bos”.
Como vai ser a túa presenza no Festival?
J.H.: “Tentarei estar todo o que poida. Cans é un festival no que mo paso moi ben; espero ver as demais curtas e conto con que se achegue parte do elenco do meu traballo.
O director Dani de la Torre forma parte do xurado, a ver se empatiza ao ser unha cinta de acción, na que está presente Luis Tosar… (risas)”.
E a partir de agora?
J.H.: “Agora estamos en trámites de movela cunha distribuidora e comezar a ofrecela a distintos festivais”.
Cando a veremos en Celanova e en Ourense?
J.H.: “Iso é. Ademais en Ourense e en Celanova. Non sei aínda en que orde pero si nos dous lugares. Celanova é moi importante porque aquí (estamos facendo a entrevista en CasAberta) o rematei física e moralmente. E pasala en Ourense gustaríame moito xa que grabei a maior parte alí, ademais de en Vilanova dos Infantes e en Madrid.
Quero que sexa pronto; agora estou un pouco saturado polo de Cans, pero despois poreime a iso”.
Gustaríache unha estrea como na anterior curta, na que subiches ao escenario e pediches perdón polo que ían ver?
J.H.: “Neste vou sobrado para pedir perdón, para facer penitencia e incluso chorar no ombreiro dalguén polo meu mal cometido. Pero esta vez non vou pedir perdón xa que, ao contrario que con “The Doom”, esta vez conseguín unha peza coa que me sinto identificado, son eu de principio a fin. Así que non vou pedir perdón por existir (risas)”.
Como evolucionou Juanchis Lee a Juan ou “The Doom” a “Share o no share”?
J.H.: “Sobre todo á hora de ver películas. Vin tantas que vas de- senrolando o gusto; canto máis ves máis podes comparar e máis fino se volve o teu gusto. Pero e- norgullézome de ser máis ou menos o mesmo. Cambiando a praza de Callao pola do Ferro pode dicirse que me purguei”.
Sínteste liberado?
J.H.: “Si, aínda que non de todo porque non vin voar a curta e non vin a súa traxectoria. Agora toca unha fase de distribución que non coñezo e que estou descubrindo. Pero si que estou liberado; estou dixerindo o proceso e espero dixerilo por moito tempo, eso significaría que a traxectoria é boa”.
Pensaches que ía quedar no caixón?
J.H.: “Si, e creábame moita angustia. Rematei o traballo e vía que non funcionaba; ata pensei: acabouse. Tentei sacar outros proxectos; entre eles tiña un traballo duns soldados nun bosque esperando que os atacaran en calquera momento. Era unha historia moi escura, que era coma me sentía naquel momento. Pero con cada cousa que tentaba sacar víñame á cabeza esta curta e diciame: como podo facer nada sen rematar isto? Tiven que verme no punto de pensar que ía a existir unha vida sen rematar este traballo, pero a ver que emprendía eu… Era unha lousa nas miñas costas. Silvia –a súa parella- axudoume moito e díxome que tiña que rematala por unha cuestión terapéutica.
Logo veu Miguel Ángel Amato que me dixo que se me poñía a elo el me axudaba. A partir dese momento comezou un proceso –montala, recurtar esceas, efectos especiais,- que durou tres anos”.
Tes outros proxectos audiovisuais?
J.H.: “De momento non, a non ser que se me dea por gravar algunha bizarría desas . Pero si que é certo que escribo moito, e teño diferentes guións en diferentes fases; e agardo ter a oportunidade de mostralos. Son historias de distinto tipo, unha é sobre a caza do lobishome en Celanova, outra sobre un home que é contratado para vivir un inferno…
Tiña outra historia, pero tívena que tirar para atrás porque trataba do roubo da Virxe do Cristal; titulabase “Diario dun montuno”, e nela roubaban a virxe e tres montunos recuperábana e remataban como heroes, nesta non morría ninguén, pero lamentablemente polo que aconteceu na realidade non verá a luz”.
Non faltará no OUFF.
J.H.: “Claro, ao Festival de Ourense mandareina. É como mal karma non facelo”.
Trala entrevista imos cara a praza Maior de Celanova para realizar as fotografías; rematamos, despedímonos e marchamos cara lados distintos. Mentres nos distanciamos xa me tarda a estrea da curta en Ourense e/ou Celanova para vela. Son moitos os anos que sabemos desta obra e por fin está preto o día na que a veamos nunha pantalla.
Despois de vernos de novo, Hervella paréceme a mesma persoa que coñecín cando estaba a presentar a súa primeira curta; vitalidade a raudais e un punto de hiperactividade. Os malos tragos xa pasaron, toca gozar desta etapa de promoción e do seu traballo.