A xerencia do “Centro de visitantes de Montealegre” adxudicábase o 17 de marzo de 2014 á empresa Bruma Xestión Ambiental S.L. para unha duración dun ano, segundo o artigo 3 do prego de claúsulas administrativas, que recollía tamén a posibilidade de prórroga por outro ano máis.
Dita prórroga, asinada polo goberno socialista en 2015, reflexaba un período entre o 18 de marzo de 2015 e o 17 de marzo de 2016, polo que “actualmente, e desde hai 2 meses, a empresa xestora Bruma atópase en situación irregular”, sengundo denuncian dende Ourense en Común. “Para nós é totalmente necesario adquirir un compromiso do actual goberno para a exhaustiva revisión da situación contractual na que se atopa o Concello cos diferentes provedores de servizos, coma neste caso. As prórrogas encadeadas parecen un xeito habitual de traballo ao que se debe pór fin. Para elo débese facer unha previsión e un cronograma de traballo, no que o equipo de goberno teña claro e regularice as diferentes situacións”, engaden.
Resposta do PP
O grupo de goberno popular, pola súa banda, saíu ao paso destas acusacións asegurando que “a xestión do Parque de Montealegre está en situación completamente legal, xa que a empresa Bruma Xestión Ambiental S.L. está actualmente contratada logo de que se acabase a prórroga do contrato administrativo finalizado, tal e como apunta Ourense en Común, o pasado mes de marzo. O Parque segue a funcionar a plenitude de condicións para o desfrute dos seus usuarios, e con máis actividades que nunca”, explican.
Así mesmo, aseguran que se avanza na aprobación dun novo prego de contratación para sacar de novo a concurso a concesión. Segundo detallan nun comunicado, o departamento de Medio Ambiente realizou, previamente ao remate do contrato, todos os trámites precisos para o novo: o prego técnico, a retención de crédito e o informe de necesidade. Namentres o departamento de contratación do Concello de Ourense, que traballa arreo na redacción do prego administrativo, a empresa segue traballando con total normalidade na realización de actividades.
O concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo, presume de que “nunca tivo tanta visibilidade e proxección o Botánico de Montealegre coma nestes últimos dez meses”, dixo.