A Consellería do Medio Rural repartirá nas próximas semanas ata 100.000 folletos informativos sobre os produtos fitosanitarios que os agricultores non profesionais poden utilizar sen necesidade de dispor do carné de manipulador-aplicador. Tamén se farán chegar aos establecementos comercializadores e a outros locais carteis explicativos sobre os tratamentos de uso non profesional máis axeitados para afrontar distintas enfermidades comúns. Neste caso haberá dúas variedades, 2.000 carteis sobre a vide e a pataca e outros 2.000 referidos a cultivos de horta como a cebola, o tomate, o pemento e a leituga. Estas publicacións súmanse ás 40.000 que xa se distribuíron no seu momento e que aclaran que persoas necesitan e cales non os carnés, así como as formas de conseguilo.
“Deste xeito queremos deixar claro que aquelas persoas que cultiven produtos para o seu consumo e de xeito non profesional, non precisan sacar o carné de manipulador”, explicou a conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, nunha visita a Verín para coñecer a nova unidade móbil da que dispón a Consellería para impartir formación por toda Galicia. “Grazas a este vehículo chegaremos a todos os recunchos da comunidade para que ningunha persoa que o precise quede sen formación”, declarou a titular. Precisamente, nestas primeiras semanas a aula móbil centrarase na obtención do carné de manipulador-aplicador de fitosanitarios de nivel básico na provincia de Ourense.
Estreouse hai dúas semanas no concello da Rúa, onde ata 73 persoas asistiron a un dos catro cursos que se ofertaron no municipio. Hoxe chegaba a Verín para ofrecer outros catro cursos con capacidade para 20 persoas cada un. A maiores, estanse a desenvolver formación para 61 alumnos no Centro de Desenvolvemento Cooperativo.
Esta aula móbil consiste nun camión extensible de 13,70 metros de longo e 2,5 de ancho que se abre ata os 4,70 para impartir as clases. Adaptado para persoas con mobilidade reducida e con sistema de climatización, ten capacidade para 30 asistentes á vez e conta cos cos medios audiovisuais precisos para impartir as clases. Estas impártense en horario de mañá e tarde co obxectivo de que os alumnos poidan compatibilizar a súa asistencia coas actividades agrícolas da zona. A aula móbil estará no concello de Verín ata o sábado e despois está previsto que se traslade a Ribadavia.