Terán lugar os días 24 de maio e 1 de xuño, e inclúen conferencias, catas e reproducións musicais.

As Xornadas de Viño e Cultura, que terán lugar no Liceo de Ourense, os días 24 de maio e 1 de xuño (de 20 a 22 horas), procuran levar a cabo un achegamento á cultura do viño, cunha iniciación á cata. Mais tamén teñen unha orientación transversal, que pretende integrar o mundo do viño coa creación literaria e a musica.

Os comentarios do condutor, o profesor Xavier Castro, farán referencia ao escritor que centre o interese de cada unha das sesións (Cervantes e Blanco Amor), abordando cuestións relacionadas coa cultura e historia do viño, entrefrebadas coas intervencións dos participantes e con momentos de goce do viño. Haberá, así mesmo, interludios musicais nos que se escoitaran pezas alusivas á cultura do viño e que garden algún tipo de vínculo co creador que protagoniza cada sesión, tanto fragmentos de óperas ou obras clásicas, como tamén pezas modernas e música galega tradicional. Faranse tamén lecturas breves de textos en prosa e proxectaranse ademais fragmentos curtos de filmes e documentais culturais. E preténdese, dende logo, que toda esta actividade resulte non só interesante senón tamén amena e lúdica.

Na primeira sesión degustaranse viños das adegas da D.O. Ribeiro, comentadas por Cristina Alcalá, xerente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro. E  na segunda haberá ocasión de catar os viños da adega de Cenlle Áurea Lux, presentados polo colleiteiro que está a fronte dela, Manuel García Docampo.

Entradas

Esta actividade terá un prezo de 10 euros por sesión para os socios do Liceo, e de 12 para os que non o son.

Pódese adquirir a entrada na propia cafetería do Liceo, na que terá lugar o evento, preferentemente nos días precedentes, ou ben media hora antes da celebración da sesión.

Para recibir máis información e efectuar reservas, os interesados poden dirixirse a gerencia@liceodeourense.com e liceodeourense@hotmail.es ou chamar ao 988 222 584.