Traballadoras de Linorsa e dirixentes sindicais volveron concentrarse na mañá deste martes diante do Concello de Ourense para reclamar o pago dos seus salarios. O administrador concursal dera o pasado venres orde de pago, “pero eses pagos seguen sen chegar”, recoñecía o alcalde. Esta mesma mañá Jesús Vázquez volveu falar co administrador da empresa, que precisou que as empregadas que tivesen a nómina domiciliada nunha determinada entidade bancaria cobrarían hoxe e o resto mañá.
Con todo, unha das afectadas, Modesta Rúa, informaba de que “ningunha compañeira ten nada ingresado” (son medio cento de traballadoras en Ourense), e anunciaba que non ían deixar a súa protesta ata que lles facilitasen “un xustificante do banco de que efectivamente alguén cobrou “. “De aquí non nos vamos ata que vexamos unha solución porque de palabras bonitas nin se come nin se pagan recibos”, engadía.
O Concello pagou xa a primeira factura pendente
Salienta o rexedor que “o único que cumpriu coa súa parte foi o Concello” pois xa abonou as facturas polos traballos de limpeza dos colexios públicos de febreiro e marzo, e ten pendente facer un novo abono, “pero nos entran desconfianzas”, asegurou, en referenza á actitude de Linorsa.
A concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, saiu a valorar a situación das empregadas de Linorsa, unha situación que tachou de “insostible” recordando que levan catro meses sen cobrar. Piñeiro foi crítica co papel do grupo de goberno neste conflicto, “todo son largas, están esperando un papel e ese papel non chega nunca”.