Ante as manifestacións do voceiro socialista este luns, nas que insinúa modificacións substanciais no PXOM por parte do actual equipo de goberno, o concelleiro de Urbanismo, José Cudeiro, lamenta o «boicot» que está levando a cabo o PSOE neste asunto, “dicindo publicamente o contrario do que manifesta nas múltiples reunións que mantivemos para falar deste asunto”.
Lembra José Cudeiro que “por coherencia e lealtade á cidade, este Goberno municipal mantivo o PXOM aprobado inicialmente no anterior mandato. O noso Plan Xeral non era este, pero o mantivemos porque non era ético para a cidade desbotar o traballo feito e os fondos destinados a este fin, que foron máis dun millóns de euros”.
É máis, José Cudeiro recalca que actualmente o equipo redactor do PXOM está solicitando un 10% máis do contrato (90.000 euros) para asumir as esixencias do Goberno local, nas que pide a adaptación do Plan á nova Lei do Solo. De feito, as adaptacións neste ámbito non estaban contempladas no contrato asumido co anterior goberno municipal.
No que respecta as acusacións do PSOE de mudar os detalles do PXOM, José Cudeiro manifesta que o Plan Xeral é exactamente o mesmo que se aprobou no anterior mandato. Conta coa mesma estructura xeral e cos mesmos sistemas xerais previstos, así como con todas as infraestructuras prevstas, tanto do sistema ferroviario como de estradas esixidas polos informes sectoriais.
Tamén se manteñen no PXOM as mesmas previsións de ordenación, aprobadas polo anterior Goberno municipal, na zona da estación ferroviaria. “Este goberno non realizou ningún cambio. O único que se fixo, mantendo ese documento, foi recoller as suxerencias dos cidadáns e dos sectores da cidade que formularon ao documento programático, coñecido por todos os grupos políticos, negociado na comisión a tal efecto creada por peticións dos grupos políticos e informado favorablemente polos técnicos municipais, algo do que é perfectamente coñecedor o señor voceiro socialista”, sinala José Cudeiro. Tamén sinala o concelleiro que ese documento programático contempla aspectos como os fóra de ordenación, os núcleos rurais, a axuste de cargas e beneficios dos polígonos e a xestión dos mesmos.