BNG-NÓS inicia a presentación das candidaturas provinciais en Ourense, nun acto que terá lugar este xoves ás 11.30 horas no claustro de San Francisco e que contará coa presenza da portavoz nacional, Ana Pontón, e dos catro integrantes da lista que volve liderar Noa Presas, seguida de Diego Lourenzo, Raquel Vázquez e Francisco García, e con Xacobe García como cabeza de lista ao Senado.
A formación nacionalista encara a cita electoral como unha oportunidade para que Galiza recupere voz e peso político no Estado, tras o fracaso de PP e PSOE para dar unha alternativa a Rajoy, de ai o lema da campaña, Para ter voz propia, tras estes meses nos que os intereses dos galegos e das galegas quedaron fora da axenda das forzas estatais.
A candidatura BNG-NÓS en Ourense refórzase coa incorporación de responsables municipais, como mellor carta de presentación do proxecto que o Bloque desenvolve polos concellos do país, neste caso, simbolizado no tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, do rexedor de Allariz, Francisco García, ou no concelleiro de Ribadavia, Xacobe García.