O Centro de Maiores Afundación de Ourense acolle, os días 25 e 26 de maio, o seu tradicional mercado solidario co obxectivo de recadar fondos para «O Carriño Don Amable» da Asociación contra o Cancro da cidade, un proxecto do programa de atención ao enfermo e á familia oncolóxica que leva a cabo con persoas voluntarias especializadas na enfermidade. A inauguración do mercado terá lugar este mércores á ás 11.30 h na segunda planta do centro e poderase visitar ata o xoves, en horario de 10.30 a 13.00 e de 17.00 a 19.30 h.
O mercado nútrese dos traballos artesanais que as persoas socias do centro fabrican nas súas clases de reciclaxe e que logo achegan para esta causa solidaria. Nel pódense atopar roupas infantís, vestidos, manteis, bolsas de merenda, bonecas, panos bordados ou encaixes de Camariñas, toda unha serie de produtos artesanais postos á disposición dunha mesma causa, axudar á Asociación contra o Cancro de Ourense en tempos de crise. Os seus integrantes transcenden o mero traballo artesán e dedican unha boa parte do seu tempo para ensinarlles aos seus compañeiros a súa propia arte.