A Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Ourens vén de emitir un comunicado no que fai un chamamento á calma ante o falecemento este luns dunha menor no Complexo Hospitalario Universitario de Ourens, «co obxectivo de limitar, na medida do posible, a alarma creada no seu centro escolar (Carmelitas) e contorno polo seu falecemento».
No comunicado, Sanidade explica que, «coa información dispoñible na actualidade, e preservando a privacidade dos datos clínicos, pódese establecer que neste intre está descartada unha orixe bacteriana do proceso que requira medidas profilácticas colectivas ou no seu contorno, nin por parte da autoridade sanitaria nin a título individual».
Saíndo ao paso dos rumores, que vinculan este caso co doutro paciente, neste intre hospitalizado, convén resaltar que non se pode establecer unha relación entre ambos procesos, xa que difiren notablemente no seu cadro clínico.
Técnicos de saúde pública informaron ao centro escolar da información dispoñible e continuarán a manter a comunicación para trasladar as novidades e as recomendacións pertinentes, de ser precisas.