A redución de camas en período estival é unha práctica habitual en todos os hospitais da nosa contorna, pola necesidade de adaptar a capacidade de ingreso á diminución da ocupación, que decrece por diferentes causas, principalmente, por unha menor actividade cirúrxica, sendo sempre unha medida temporal modificable en calquera momento ante un aumento da demanda.
Así defenden desde a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras a previsión de peche de camas prevista para este verán, antes as críticas das organizacións sindicais na véspera. Os sindicatos cifraban en 110 a redución de camas que sufrirá o CHUO na época estival, e alertaban de que, ademais do persoal que se verá afectado, “serán multitude os doentes que sufrirán máis retrasos ainda cando teñan que dispor de unha camas”. De feito, opinan que vai suceder como outros anos, “en que os plans de peches impostos pola Xerencia e a Consellería, choquen frontalmente ca realidade asistencial que eles non queren ver, e polo tanto veránse forzados a reabrir camas e reasignar recursos que nunca deberon eliminarse, ou ingresar doentes en unidades que non son da súa especialidade, creando distorsións na atención ao romper caorde que debe existir na organización hospitalaria”.
Desde a Xerencia non o ven así, e recordan que a programación prevista para este ano “adaptouse rigurosamente á porcentaxe de ocupación histórica estival dos centros”. En concreto, no complexo hospitalario, e á diferenza doutros anos, non se pechará ningunha habitación nos edificios Cristal e Materno, “posibilitando que a redución de camas operativas revirta nunha maior comodidade para os pacientes, ao reconverter habitacións triplas en dobres e parte das dobres en individuais, como no caso de obstetricia”.
Asemade, para facer máis operativas as camas funcionantes, no CHUO focalizouse a redución destas no Sta. María Nai, centralizando, na medida do posible, a hospitalización nos edificios Cristal e Materno, axilizando así os ingresos urxentes, ao evitar traslados en ambulancia. Indica o comunicado da Xerencia que este peche no Santa María Nai “non se debe confundir con Medicina Interna xa que este servizo ten camas en ambos centro”.
En total, no CHUO reduciranse 79 camas de adultos e 16 de lactantes, no Hospital de Verín 20 e 14 no de Valdeorras.
As organizacións sindicais que forman parte da xunta de persoal do CHUOU teñen prevista para este venres unha mobilización as 11:30 na porta principal do hospital.