O 75% das persoas que atende a entidade benéfica veñen derivadas dos servizos sociais municipais.

Chamada de atención de Cáritas ás administracións

Cáritas Ourense presentou este mércores a súa Memoria 2015, ano no que a entidade benéfica atendeu 11.138 persoas, case o 60% delas mulleres, chegando ata as 27.734 as persoas que se beneficiaron das súas axudas.

María Tabarés, directora de Cáritas desde o pasado verán, xunto ao delegado, Ángel Mirón, e a coordinadora de programas, María del Carmen Alonso, foron os encargados de detallar actividades e ingresos da entidade durante 2015.

Dos datos da memoria, constátase que Cáritas vén atendendo nos últimos anos un número estable de persoas,  pero “aumenta la cronicidad, el número de personas que llevan más de tres años vinculados a Cáritas”, explicaba Tabarés. Hai dous perfís principais de usuarios da entidade; dunha banda, persoas sen fogar ou con vivenda insegura, e doutra, familias monoparentais.

Os recursos que achega Cáritas chegan en forma de axudas de emerxencia social, formación e emprego, atención social especializada e animación comunitaria e voluntariado. Unha engranaxe na que participan 16 centros propios e 36 puntos de acollida e atención en toda a diocese, 40 traballadores e 518 voluntarios.

Financiamento

Cáritas Ourense contou o exercicio pasado cun orzamento de 1,7 millóns de euros, dos cales o 58% procederon de achegas públicas e o 42% de recursos privados. Desta cantidade, a partida máis elevada (613.000 euros) foi destinada ás axudas de emerxencia social, acollida e asistencia e ao comedor social.

Precisamente o comedor social, que beneficiou a 2.627 durante 2015, pende dun fío polos atrasos nos pagamentos por parte do Concello de Ourense, que é a administración que achega a maior parte dos seus usuarios. “Queda pendiente de pago parte de 2014, el 2015 está sin abonar  (ao redor de 90.000 euros) y el convenio de 2016 está sin firmar”, precisaba a directora de Cáritas. Dificultades para xustificar os gastos “que no habíamos tenido nunca” están detrás deste retraso, explicaba María Tabarés, que aínda así se amosaba optimista sobre o cobro deses fondos.

Nesa mesma liña, chamada de atención ás administracións: seguen sen ter “una respuesta ágil” aos máis necesitados; de feito, o 75% das persoas atendidas por Cáritas viñan derivadas dos servizos sociais municipais.