O sindicato considera «innecesaria» a creación deste posto, asignado sen proceso selectivo e cun salario anual superior aos 45.000 euros.

CCOO denuncia que Deputación nomeou «a dedo» ao alcalde de Laza como vicexerente do consorcio de emerxencias

 

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia que a Deputación de Ourense nomeou «a dedo» o alcalde de Laza polo PP, José Ramón Barreal, como vicexerente do consorcio provincial de emerxencias. Trátase dun posto de nova creación que o sindicato coida «innecesario», cuberto sen proceso selectivo ningún e cun salario anual superior aos 45.000 euros.

O sindicato lembra que outorgar o posto «a dedo» «contravén a xurisprudencia» do Tribunal Supremo, que esixe que unha praza de tales características se cubra atendendo os «consabidos» principios de igualdade, capacidade e mérito «consagrados no noso ordenamento xurídico». Polo que pensan que a creación do posto de vicexerente, cuberto por un cargo político, é «un novo desmentido» das afirmacións realizadas polos populares, que defenderon a xestión privada so o argumento da «eficiencia económica». Desde CCOO aseguran que o que se crea é unha «estrutura político-burocrática inédita» non só en Galicia, senón no resto do estado.

Para CCOO, este feito «explica claramente» por que o presidente do organismo provincial, José Manuel Baltar, e o conselleiro da Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, foron «tan entusiastas e vehementes» na defensa dun modelo de xestión privada para este servizo.

Segundo Comisións, os consorcios de emerxencias, sexan de xestión directa ou privada, teñen órganos de goberno propios «coma calquera organismo público». Hai, pois, unha presidencia, un pleno —no que están as Administracións— e unha estrutura burocrática —como a secretaría e a intervención—. Tamén adoita haber unha xerencia, «coa función básica de velar polo cumprimento das condicións acordadas entre a Administración e a empresa concesionaria».

Porén, o consorcio provincial de Ourense, «un dos máis pequenos» en número de parques de todo o Estado —inclúe os de Valdeorras, Verín, Xinzo de Limia e O Carballiño—, crea a nova figura da vicexerencia. Por iso, CCOO critica tanto a creación desta nova praza como a súa cobertura polo alcalde de Laza, ata hai pouco xerente do consorcio de Verín e de Xinzo de Limia. «Por certo, Barreal tamén fora designado a dedo para a súa anterior ocupación», apuntan desde o sindicato, «e incluso mellora o salario que percibía, débese entender que o merece», ironizan.