Logo dunha semana despois do II Maratón Cidade de Ourense, que congregou 174 amantes da fotografía, a sala Valente recolle o testemuño da retrospectiva dos primeiros dez anos do Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado. Un total de 120 particulares olladas de “dez fotógrafos que contan as historias da emigración, dos camiños de Compostela, da vida e dos dramas dos galegos… Desde Xosé Abad, gañador no 1997, ata Amador Lorenzo, pasando por Xulio Villarino, Peter Marlow ou Vari Caramés”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na presentación da exposición que permanecerá aberta até o 3 de xullo.
Estes galardóns lembran, desde 1997 e cada dous anos, a figura de Luis Ksado, pioneiro do fotoxornalismo que pasou os seus primeiros anos de vida en Ourense formándose con José Pacheco. As fotografías gañadoras veñen avaladas por xurados de moito nivel, como é o propio Xurxo Lobato, comisario da exposición, pero tamén por figuras como Raúl Cancio, Outomuro, Chema Conesa, Richard Kalvar ou Joan Fontcuberta, entre outros. Un luxo só comparable aos nomes que tamén foron homenaxeados nesta década: Manuel Ferrol, Virxilio Viéitez, Ramón Caamaño ou Manuel Blanco.
Malia ter pasado case 20 anos desde a primeira edición do premio, “pola calidade artística e creativa nunca pasa o tempo”, afirmou este xoves fotógrafo Xurxo Lobato. E é que os Luis Ksado naceu “para difundir a vocación divulgadora da fotografía, convídanos non só a contemplar, como suxeitos pasivos, tamén a gozar da beleza e da creatividade visual, a formar a nosa ollada crítica e a acadar novos coñecementos”, dixo.
A mostra fotográfica pódese ver até o 3 de xullo na sala Valente, de balde.