A pesar de que as previsións meteorolóxicas non acompañan, dende a Asociación Cultural e Xuvenil Rebulir seguen a ultimar os detalles da súa X Noite de Fiadeiro, que se festexará en Vilavidal (Ramirás) este sábado 28 de maio. Cita para a que xa teñen preparada unha gran carpa de 300 metros cadrados baixo a que os festeiros se protexerán da choiva sen deixar pasar esta tradicional festa.
O programa de actividades xa bota a andar pola mañá, cando ás 11 dará comezo o obradoiro “O baile en seráns, fiadeiros ou romarías”; ás 12:30 horas será o momento da proxección do documental “O liño: arte e cultura”; e ás 13 horas comeza a sesión vermú.
Xa pola tarde, a partir das 17 horas haberá animación con instrumentos de antes e de agora, da man de Xurxemurxe; ás 18, un obradorio de coiro para nenos; media hora despois, concerto da Banda Municipal de Música de Ramirás; ás 19, teatro de rúa; e ás 19:30, pasarrúas de xigantes e cabezudos.
Ás 20 horas comezará o fiadeiro cativo para os máis pequenos da casa, e a partir das 21 empeza a troula para os maiores, con queimada á medianoite, ata que o corpo aguante. Haberá concursos, sorteos e moitas sorpresas máis na festa dos adultos.
En total participarán nesta festa 33 colectivos procedentes das catro provincias galegas, contando coa actuación de máis de 320 persoas, que formarán parte das máis de 10 horas de música ininterrumpida que tomará Vilavidal. Ademáis, haberá 30 postos de artesanía.
Os interesados en coñecer máis desta iniciativa poden consultar a web www.noitedefiadeiro.com.