O pleno da Corporación Provincial deste 27 de maio aprobou a concesión da Medalla de Ouro da Provincia de Ourense aos integrantes do grupo musical “Los Suaves”, como homenaxe e recoñecemento do pobo ourensán a toda unha longa traxectoria musical, chea de éxitos, nos que nunca faltou a permanente manifestación da súa ourensanía.
Asemade, deuse o visto bo ás bases reguladoras do programa da Deputación de Ourense cos concellos, para a creación e o cofinanciamento dunha rede de espazos culturais e a programación coordinada de actividades a nivel provincial para o presente ano 2016. Para a posta en marcha da dita rede a Deputación de Ourense destina un orzamento de 100.000 euros.
A finalidade é cofinanciar e cooperar conxuntamente cos concellos no fomento e a difusión das artes escénicas e da música na provincia, mediante a constitución dunha rede de espazos culturais (auditorios, casas de cultura e centros multiusos) da provincia de Ourense, establecendo así mesmo o seu marco regulador. A rede estará integrada pola Deputación de Ourense e todos os concellos de menos de 20.000 habitantes que conten con espazos escénicos que reúnan os requisitos establecidos na cláusula segunda e soliciten a súa adhesión. A dirección e representación da rede correspóndelle á Deputación Provincial a través do deputado delegado en materia de cultura, correspondéndolle á Asesoría de Política Cultural da Deputación as funcións de impulso e seguimento.
A sesión plenaria deste venres tamén aprobou a adhesión da Deputación de Ourense á Sección de Municipios con Augas Minerais e Termais de España, adscrita á Comisión de Turismo da Federación Española de Municipios e Provincias, designando como representante ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ou deputado en quen delegue, e aprobando o pago da cota anual correspondente, que para as deputacións provinciais é de 3.000 euros.