A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense vén de solicitar un total de 14 prazas de mobilidade dentro do Proxecto Transnacional Galeuropa 2016 con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil para que 14 mozos e mozas menores de 30 anos do Concello de Ourense poidan realizar prácticas profesionais en Italia (4 prazas), Malta (5) e Portugal (5), tal e como ocorrera o ano pasado, no que unha ducia de mozos tiveron a oportunidade de traballar en diferentes empresas de Londres durante 3 meses e con todos os gastos cubertos.
A finalidade do programa é reforzar as posibilidades de incorporación ao mercado de traballo da mocidade e aumentar as competencias profesionais, ao tempo que se apoia a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros. Neste sentido, a área que dirixe Sofía Godoy márcase como prioridade “apoiar a formación da mocidade galega mediante a mellora da súa empregabilidade de xeito que poidan constatar unha práctica formativa no estranxeiro como parte do currículo”, afirma a concelleira.
Con este programa de mobilidade quérese darlles habilidades propias da súa titulación co engadido de que estas sexan fóra do seu ámbito: “Que coñezan o funcionamento do mercado laboral estranxeiro, no que ademais terán que desenvolver un dominio de idiomas estranxeiros”, confirma Godoy, “asimilando unha visión internacional a nivel persoal e profesional para mellorar a súa vida persoal e profesional”. Desta forma, ademais, dótase de recursos humanos de calidade o tecido empresarial galego.
O programa de mobilidade transnacional Galeuropa vai dirixido a mozos inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de garantía xuvenil que teñan menos de 30 anos no momento de facer efectiva a solicitude. A Concellería realizará un curso de apoio lingüístico do idioma do país de destino para as persoas seleccionadas para o programa obxecto da axuda. A Concellería de Xuventude será a encargada de xestionar o viaxe, aloxamento en réxime de pensión completa e traslado de ida e volta dos participantes, así como calquera imprevisto que poida acontecer, en función da subvención concedida para este fin. Así mesmo, reservaríase unha praza dentro do proxecto para participantes con diversidade funcional.