A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou este martes nos obradoiros da campaña «Ponlle as pilas ao teu bocata» que se realizaron no Centro de Educación Infantil e Primaria Mestre Vide, en Ourense. Esta iniciativa, desenvolvida dende o ano 2010 pola Consellería do Mar coa colaboración das Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a de Sanidade e ANFACO-CECOPESCA busca achegar o mundo das conservas e dos produtos do mar aos nenos e nenas e dende aquela máis de 45.000 participaron nas súas actividades.
A través dos obradoiros, nos que participaron máis de 300 alumnos do CEIP Mestre Vide, os nenos e nenas aprenden contidos relativos aos valores nutritivos das conservas de produtos do mar e realizan xogos nos que poden experimentar coa realidade virtual, realizando diversos quebracabezas e activando as imaxes animadas que aparecerán nunha pantalla. Neste acto tamén estiveron os directores xerais de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, e de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
Outra das actividades desta campaña é a elaboración de bocatas a base de conservas do mar como atún e sardiña en aceite de oliva, mexillón en escabeche, choco na súa tinta e produtos frescos como leituga, tomate, millo, cenoria, queixo e olivas. Deste xeito, búscase fomentar o consumo de conservas de peixe e marisco entre o alumnado de educación primaria e transmitirlles a importancia das súas achegas nutritivas.
Grazas a estes obradoiros tamén se fomenta entre os nenos e nenas o coñecemento das distintas especies de peixe e moluscos e as súas características nutricionais e aprenden a manipular os alimentos do mar desde un punto de vista gastronómico empregando as conservas como base de receitas sinxelas.
Ademais de estar presente en colexios públicos, «Ponlle as pilas ao teu bocata» tamén se desenvolve en campamentos urbanos nos diferentes concellos de Galicia, campamentos de verán da Xunta, escolas de verán, actividades culturais e eventos deportivos. A maiores, a iniciativa conta coa páxina web www.ponlleaspilasaoteubocata.xunta.es, que entre os seus contidos inclúe receitas de bocatas, consellos de alimentación, unha unidade didáctica e xogos dirixidos ao público infantil.