O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este martes o Concello de Muíños, onde puido coñecer de primeira man a sede do Grupo de Emerxencias Supramunicipal. Rueda estivo acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.
O vicepresidente destacou o labor destes grupos aos que cualificou como un “exemplo de cooperación”, non só entre concellos -o GES de Muíños tamén presta servizo a Bande e Lobeira- senón tamén entre as distintas administracións. Hai que lembrar que os GES foron creados e funcionan grazas á colaboración entre a Xunta, as deputacións e os concellos.
Consciente da importancia do seu traballo, o vicepresidente avogou por reforzar os servizos de emerxencias, “se viva onde se viva”, favorecendo especialmente aos concellos rurais e do interior de Galicia, que anos atrás carecían destes servizos.
Ademais, Rueda tamén destacou a importancia de que estes servizos estean “ben formados e dotados”, a través de persoal suficiente e novo material. Neste sentido, o Goberno galego vén de contribuír ao acondicionamento da sede do GES de Muíños, que en 2015 tamén recibiu unha importante achega de material.
A visita rematou cun simulacro dunha busca dun afogado no encoro de Muíños no que os representantes autonómicos puideron comprobar os traballos de preparación e prevención que realizan os GES para estar preparados e coordinados no momento en que se produza unha emerxencia.