Arxuína Producións, en colaboración coa Mancomunidade Terra de Celanova, presentan a estrea oficial da nova entrega da serie Relax & Siesta, adicada á Terra de Celanova.
Ao acto acudirán José Antonio Pérez, presidente da Mancomunidade Terra de Celanova, e os autores da obra, a directora e videoartista celanovesa, Xudit Casas, e o compositor pontevedrés, Adrián Saavedra. Ademáis da estrea, realizarase unha conversa-coloquio cos asistentes e o acto estará conducido polo presentador, Bruno Álvarez Calleja, asiduo nas presentacións da cineasta.
O evento terá lugar o 4 de xuño, ás 20 horas, no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova (AMIC). A entrada é de balde ata completar capacidade.
Segunda entrega: Terra de Celanova
Terra de Celanova gravouse durante a época estival, polo que mostra paisaxes de Galicia atípicos do imaxinario popular, lonxe da choiva e dos ceos grises. Aínda así, destaca o contraste coa anterior obra, realizada na illa de Mallorca.
A rodaxe levouse a cabo nos concellos de Verea, Quintela de Leirado, Gomesende, Ramirás, Cartelle, Pontedeva, A Merca e Celanova. Non obstante, tampouco veremos os enclaves históricos aos que temos costume. Casas e Saavedra presentan unha obra que mostra e reivindica o valor do noso patrimonio natural. “Esta zona é formidable para facer sendeirismo e outros deportes, e moitos planos rodáronse en diferentes rutas”, engade a directora celanovesa. Afincada en Madrid, manifesta o bo e o malo de rodar na casa, xa que “coñecín un pouco máis o meu fogar, algúns currunchos marabillosos, pero tamén me presionei por xogar na casa. Anque leda, estou algo nervosa, espero que lle guste á xente da miña terra.”
Unha obra para deixarse levar
«Relax & Siesta» é a primera serie adicada exclusivamente a durmir a sesta, cuxo primeiro volume é Mallorca. Os vídeos teñen unha duración de entre 20 e 30 minutos, o tempo aconsellado científicamente para esta costume tan arraigada. “Ademáis, a maioría destes vídeos de relaxación só se centra na música e non coida a imaxe,” afirma Casas, “quería unha obra que pensase tamén nos que non durmimos a sesta pero que nos apetece relaxarnos uns intres e deixarnos levar a través de imaxes suxerentes.”
Atendendo a composición musical, Adrián Saavedra explica que “a música de Terra de Celanova xorde coma unha extensión da propia imaxe. Traza unha liña que vai evolucionando dende un minimalismo, por definición estático, ata unha sonoridade máis colorística que se nutre da imaxe para crear unha paisaxe evocadora. Sen chegar a ser densa en ningún momento, o principal obxectivo segue sendo o Relax & Siesta.”
A videoartista celanovense experimenta para darlle unha volta aos vídeos de relaxación e, usando as imaxes a modo de postais en movemento, introduce neste volume, fermosas paisaxes propias dos documentais de natureza cun concepto artístico. Este traballo caracterízase por usar o plano subxectivo para trasladar ao público aos concellos da Terra de Celanova. Todo esto, xunto cunha fermosa composición para piano do músico pontevedrés Adrián Saavedra, fará que esta obra sexa unha delicia sonora e visual para o público, a non ser que o sono llo impida.