O número de maio de Ourense por Barrios, xa dispoñible

A firma por parte do Concello e da Xunta do convenio para o desenvolvemento da estación intermodal, mentres seguimos agardando por que Fomento presente o proxecto, é o tema do mes na publicación gratuíta Ourense por Barrios.

No interior, entrevistamos á concelleira de Turismo, Termalismo e Contratacións, Isabel Castelo, e á directiva da Asociación Cultural Vía Vella de Ponte Canedo.

 

Recollemos a apertura da pasarela peonil do Barbaña, así como a aprobación do proxecto para trasladar aos comerciantes da Praza nº1 á Alameda mentres duren as obras de rehabilitación do mercado. Sobre o outro mercado, o pontino, os partidos políticos non se poñen de acordo sobre o seu futuro no pleno.

A misión comercial de empresas estadounidenses en Ourense, a rebaixa do IBI en Barbadás ou a chamada de atención de Cáritas ás administracións son outras informacións recollidas neste número.

Ademais, incluímos un especial Empresas de Ourense e outro sobre Automoción.

As imaxes do mes, o avance do programa das festas de Ourense, da Valenzá e de Seixalbo e a actualidade deportiva son outros dos contidos deste número, que podes consultar completo no seguinte enlace.