O Concello de Ourense presentou o programa para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente -este domingo, 5 de xuño-, toda unha semana de actividades que comezan este martes na Praza Diego González Blanco (o Vinteún) coa ecoxincana «A liga dos xusticeiros ambientais». Malia que as accións están dirixidas principalmente a cativos, o concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo, salientou “o carácter participativo e familiar das actividades programadas”, así como “a capacidade dos espazos escollidos para dinamizar o lecer en familia de todos os ourensáns”. Todas as actividades son gratuítas, pero nalgunhas é preciso a inscrición para a mellor dinámica dos grupos.
Pola parte de Medio Ambiente, a asociación Sustinea será a encargada de organizar os obradoiros semanais nos parques. A súa representante, Inma Soto, destacou o carácter familiar das actividades: “É preciso que as familias xoguen xuntas, pero tamén darlles ferramentas para aprender a xogar”. As actividades serán nos parques da cidade de martes a sábado.
Tamén haberá actividades no Botánico de Montealegre, coma o concurso de fotografía e as actividades dominicais de divulgación do espazo verde. Igualmente, o Auditorio acollerá dúas funcións da obra de teatro El Cuento mágico, da compañía Blanca Marsillach.
O domingo será o día da I Xornada de voluntariado ambiental polo río Miño, con saída do Pavillón dos Remedios ás 9:00 horas. “Porque o mundo pode ser un pouco mellor se cada un pon o seu gran de area”, dixo a concelleira de Voluntariado, Sofía Godoy. Nesta actividade, na que colabora Viaqua, limparanse as marxes do río Miño. “Somos coñecedores da importancia de conservar os ecosistemas fluviais poli impacto que ten na calidade das augas”, dixo Julio Masid, representante da empresa en Ourense.
Programa completo
Martes 31 de maio:
- 18:00 – 20:30 horas. Praza Diego González Blanco (O Vinteún). Eco Xincana A liga dos xusticeiros ambientais. Para todos os públicos, non é preciso inscrición previa.
Mércores 1 de xuño:
- 18:00 – 20:30 horas. Parque Barbaña. Obradoiro ReciclArte, Antía e a fada das mil sementes. Para todos os públicos, non é preciso inscrición previa.
Xoves 2 de xuño:
- 18:00 – 20:30 horas. Parque San Lázaro. Obradoiro ReciclArte, Antía e a fada das mil sementes. Para todos os públicos, non é preciso inscrición previa.
Venres 3 de xuño:
- 18:00 – 20:30 horas. Parque Anxelita Paradela (A Carballeira). Obradoiro Aprende a xogar en familia na natureza. Actividade gratuíta. Inscrición en info@sustinea.org.
Sábado 4 de xuño:
- 10:30 – 14:00 horas. Parque Barbaña. Xincana de orientación Familias exploradoras. Saída do Parque Barbaña. Actividade gratuíta. Inscrición en info@sustinea.org.
- 16:30 – 19:00 horas. Botánico de Montealegre. Obradoiro Fotografía da Natureza.
Domingo 5 de xuño:
- 9:00 – 13:30 horas. I Xornada de voluntariado ambiental polo río Miño. Saída do Pavillón dos Remedios. Xornada organizada polas concellerías de Voluntariado e de Medio Ambiente en colaboración con Viaqua na que voluntarios recorrerán as beiras do río Miño e limparán a contorna para reducir a contaminación nos ecosistemas fluviais. Inscrición en voluntariado@ourense.es.
- 11:30 – 13:30 horas. Parque Botánico de Montealegre. Explora Montealegre. Actividade gratuíta. Inscrición en www.botanicodemontealegre.com.
- 17:30 – 18:30 horas. Auditorio Municipal. Obra de teatro El Cuento mágico, da compañía Blanca Marsillach. En colaboración con Sogama. De balde até completar aforo.
- 18:00– 20:00 horas. Parque Botánico de Montealegre. Explora Montealegre. Actividade gratuíta. Inscrición en www.botanicodemontealegre.com.
- 10:00 – 20:00 horas. Auditorio Municipal. Obra de teatro El Cuento mágico, da compañía Blanca Marsillach. En colaboración con Sogama. De balde até completar aforo.