Os partidos da oposición do Concello de Ourense xa fixeron públicas as mocións que levarán a debate no próximo pleno do mes de xuño, que se celebrará este venres día 3 a partir das 9 da mañá.
O PSOE demandará a promoción dende o Concello dunha educación pública libre de acoso homofóbico e transfóbico; a construción dun parque público na zona da antiga estación de autobuses no barrio do Pino; e o compromiso do goberno municipal de manter ou aumentar a asignación económica para servizos sociais nos orzamentos de 2016.
Así mesmo, Ourense en Común pedirá reforzar a transparencia na xestión do orzamento público, e solicitará no pleno que se difundan na páxina web do Concello todas as ofertas para a adxudicación de contratos menores.
E, pola súa banda, Democracia Ourensana presentou unha moción relativa ao redeseño da política de gasto en medios de comunicación do Concello, demandando ao alcalde que convoque unha reunión dos grupos políticos que conforman a corporación municipal o máis axiña posible, para acordar unha nova política de comunicación, que revise á baixa o gasto, que estableza criterios obxectivos e eficaces na selección de provedores e nas cotas de participación da oposición; pedirán intervención municipal para a eliminación de pintadas na cidade, con sancións máis duras para os autores e unha limpeza integral do casco urbán; e solicitarán a adopción de medidas contra a contaminación das cabichas do tabaco. Ademais, dende o partido de Gonzalo Jácome presentaron unha moción de urxencia na que piden ao rexedor municipal, como representante do Concello, que non asine o Convenio marco de colaboración para o desenrolo da futura estación intermodal de Ourense e a súa contorna urbana.