O vinceiro luns 6 de xuño, ás 19:30 horas, a Biblioteca pública Municipal de Verín acolle a presentación de «Épica»: a terceira parte da triloxía escrita polo pontevedrés David Pintos titulada «Taimat».
A terceira e definitiva parte da triloxía escrita polo escritor pontevedrés contén todos os ingredientes dunha novela atrevida e profunda, na que se reparten por igual os diálogos entre os personaxes e as reflexións do protagonista, un mozo destinado a dirixir á humanidade cara a un futuro que lles libere dunha gran ameaza. Unha novela con ritmo, variedade de personaxes e unha reviravolta de situacións capaces de enredar ao máis ávido lector de historias de ciencia ficción cargadas de elementos en grao sumo variados.
Segundo definiu o autor en diversas entrevistas, «Taimat» é unha aventura épica positiva e segundo as súas propias palabras a triloxía é “unha gran aventura que vai de menos a máis constantemente. O lector vai descubrindo Taimat ao mesmo ritmo que o fai Izan, chegando a crer que está dentro da mente do protagonista. É unha aventura constante dentro dunha historia absolutamente épica, cuxo final está a encantar a todo o mundo”.
E engadiu, “a triloxía aglutina un inxente mundo de seres, dimensións e planos, unha eterna disputa polo poder entre seres primordiais, un complexo armazón agnóstico que vai máis aló do convencional. Aínda que esta obra pódese clasificar dentro da ciencia ficción, considero humildemente que aborda algo máis que o clásico concepto da fantasía, pois contempla cuestións metafísicas rifadas coa ciencia ortodoxa e a teoloxía usual”.