Os socialistas denuncian que candos os populares estaban na oposición “esixían continuamente a súa convocatoria anual”.

O Grupo Municipal Socialista recibiu esta semana a resposta da Alcaldía con respecto á pregunta formulada pola concelleira Carmen Rodríguez Dacosta no pleno do pasado 6 de maio de 2016 referente a se había previsión de convocar o debate sobre o estado da cidade que estipula a Lei de Grandes Cidades. A resposta do alcalde é que non está recollida a súa convocatoria e celebración no regulamento orgánico municipal nin no regulamento específico do pleno, é dicir, que para eles non é obrigatorio e que polo tanto non entenden que haxa que convocalo.

“O PSOE vese na obriga de recordarlle ao rexedor e ao seu equipo de Goberno a posición defendida polo seu partido e concretamente polo seu voceiro Rosendo Fernández estando na oposición na última lexislatura 2011-2015, cando Rosendo Fernández manifestaba no ano 2013 que todos os ourensáns teñen o dereito de coñecer, de primeira man, a situación real e as liñas a seguir polo goberno local da cidade”.

Deste xeito, para os socialistas esta resposta é “un exemplo máis da incoherencia do Partido Popular, cando estaban na oposición defendían a transparencia e agora instálanse no escurantismo”.