Unha vez superadas as xornadas de adversa climatoloxía, que facían imposible levar a cabo os traballos de conservación previstos, a brigada de conservación do patrimonio cultural e natural de Celanova posta en marcha este ano pola Fundación Curros Enríquez, levou a cabo este venres os traballos de limpeza da maleza que ó longo do inverno medrou sobre a ornamentación artística da fachada da igrexa do Mosteiro de San Rosendo.
“A conxunción da permanente presencia das palomas que aniñan no lugar, xunto coa propia climatoloxía e as condicións arquitectónicas do edificio con grandes mesados sobre os arcos, as arquivoltas, os dinteis e as barandillas da fachada, fan que de forma periódica haxa que levar a cabo traballos de mantemento do conxunto, pois calquera outra actuación de prevención da presencia das palomas no lugar non teñen dado en ningún caso, resultados satisfactorios”, explican dende a Fundación.
O principal problema para levar a cabo estes traballos de conservación son as propias dimensións da fachada que obrigan á contratación dunha grúa de grandes dimensións para poder acceder ós espazos onde é preciso levar a cabo a limpeza, de aí que a veces resulte dificultoso e especialmente oneroso executar con máis frecuencia estas limpezas.
O custo económico do servizo de grúa será sufragado polo Concello de Celanova e a Parroquia de San Rosendo.