O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe con Elisa Tejada, herdeira legal de Benito Fernández Alonso, o documento que acredita a compra por parte da institución provincial dun dos fondos bibliográficos máis importantes sobre a historia social e cultural de Ourense: a biblioteca do intelectual Benito Fernández Alonso, integrada por máis de mil títulos de entre os séculos XVII ao XX.
A biblioteca foi adquirida pola Deputación, logo do acordo plenario unánime da Corporación Provincial, por un importe de 65.000 euros, e inclúe 17 manuscritos, revistas de relevancia cultural, como O Tío Marcos D’ Portela ou o Album Literario, e 46 cabeceiras de diarios editados na provincia, cun gran valor histórico-cultural por tratarse nalgún caso de exemplares únicos.
Manuel Baltar destaca que todo este material “supón unha testemuña singular dunha importante época da historia de Ourense, ao tratarse de fondos bibliográficos que están fora dos circuítos comerciais, con volumes únicos e de grande valor cultural para a investigación”. “O fondo bibliográfico do que consta a biblioteca é denso, completo e de gran calidade”, explica Manuel Baltar, “e complétase con material gráfico como fotografías e postais de Ourense, de España e do estranxeiro, reflexo das súas viaxes por Europa, e tamén inclúe gravados, láminas de arte, un importante epistolario e numerosos recortes de prensa sobre temas da actualidade daquel momento”.
Benito Fernández Alonso, historiador, investigador e comerciante orixinario de Entrimo, foi cronista da cidade de Ourense, membro da Real Academia da Historia e da Academia de Belas Artes e Ciencias Históricas de Toledo e da Academia das Boas Letras de Barcelona, así como co-fundador da Real Academia Galega. O seu amplo labor sociocultural converteuno nunha figura de referencia no ambiente ourensá da época, desempeñando diferentes cargos, como o de conservador do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, presidente da Asociación da Prensa Ourensá e do Orfeón Unión Orensana, ou vogal da corporación do “Boletín de la Comisión de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense”.
Na dita biblioteca cabe salientar, asemade, a importante colección de libros e documentos asociados a súa figura, como documentación familiar, diplomas, traballos publicados e tamén inéditos, que serven como fonte histórica para os investigadores. Todo un material que representa unha época da vida cultural, política e histórica de Ourense.
Coa adquisición hoxe da biblioteca de Benito Fernández Alonso, xa depositada na Deputación de Ourense desde fai 15 anos, a institución provincial da un paso máis na defensa, conservación e promoción dos bens culturais da provinci.