A Xunta de Galicia aumentou nun 25% o número de obradoiros de emprego na convocatoria deste ano, ao subir en catro millóns de euros a partida destinada a estes programas, ata os 21 millóns de euros.
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, presentou este mércores, xunto á delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, a oferta destes programas na provincia ourensá. Serán un total de 20 talleres, que formarán a 400 persoas de 75 concellos, tres deles específicos para menores de 30 anos.
En concreto, haberá obradoiros na Mancomunidade do Ribeiro; o promovido polo Carballiño e que engloba tamén a San Amaro,Boborás e Maside; o de Monterrei, xunto con Castrelo do Val, Laza, Oímbra e Cualedro; o de Celanova, conxuntamente con Bande e Verea; o da Mancomunidade Conso Frieiras; o de Ourense capital; o promovido por Ribadavia e organizado conxuntamente con Carballeda de Avia e Castrelo de Miño; o da Mancomunidade voluntaria dos concellos da comarca de Ourense; o de Viana do Bolo, xunto A Mezquita, Manzaneda e Pobra de Trives; o de Sarreaus, conxuntamente con Trasmiras, Sandiás e Vilar de Barrio; o de Castro Caldelas, A Teixeira, Montederramo, San Xoán de Río e Chandrexa de Queixa, o da Mancomunidade de Santa Águeda; o da Veiga, O Bolo, Rubiá, Larouco e Carballeda de Valdeorras; o do Barco de Valdeorras, A Rúa, Vilamartín e Petín; o obradoiro compartido por Xinzo e Baltar; o da Merca,Cartelle e Ramirás; e o de Porqueira, Rairiz de Veiga e Os Blancos.
Os obradoiros de Garantía Xuvenil, para menores de 30 anos, corresponden á Mancomunidade de municipios da comarca de Verín, ao Concello de Ourense e á Mancomunidade Terra de Celanova.
Ademais ofertaranse dous programas integrados de emprego, cada un deles con 60 prazas, un en Ourense e outro no Carballiño.
Os talleres de emprego ofrecen seis meses de formación nas especialidades elixidas polos concellos, «unha formación acreditada mediante certificados de profesionalidade» e acompañada dun contrato de traballo, precisaba o director xeral. No conxunto de Galicia, beneficiarán máis de 1.900 parados, 600 máis dos inicialmente previstos. O 20% das prazas estarán reservadas para perceptores da RISGA. A Xunta previu establecer mecanismos de avaliación «para saber cales son as especialidades con máis demanda e as que teñen máis inserción laboral», explicaba o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, que cifraba, en todo caso, a inserción laboral en máis do 25%.
En canto aos programas integrados de emprego, os participantes reciben orientación, asesoramento, formación e prácticas laborais, e neles hai «un compromiso de inserción laboral de alomenos un 25%«, apuntaba Alfonso Marnotes.