Este xoves tamén haberá unha nova sesión do curso de Impresión 3D e a charla "Queres crear unha web? Comeza con Wordpress".

Novos obradoiros en La Molinera para desenvolver a cultura creadora

O Centro de Coñecemento municipal La Molinera impulsa a cultura creadora cun novo obradoiro: “Súbete á onda Maker”. O obxectivo é fomentar a cultura “maker”, que convida á cidadanía a aproveitar o extraordinario potencial que as novas tecnoloxías poñen nas súa mans para desenvolver a súa capacidade creativa. Inspirado en movementos como o “Faino ti mesmo” (DIY), anima a desfrutar da creatividade e da colaboración e servirse de tencoloxía e  programas gratuítos para realizar proxectos de impresión en 3 dimensións, facer robots, domótica, artesanía ou calqueira clase de obxecto.

A cultura maker subliña o valor engadido que supón facer obras realizadas por un mesmo, como forma entretemento, aprendizaxe e desfrute do proceso sobre todo mais tamén do resultado: obras únicas, persoais.

Está dirixido a persoas de máis de 16 anos con espírito creativo e colaborador e será os días días 9, 14, 16 e 17 de xuño, de 17:00 a 19:30 horas. É gratuíto, as prazas son limitadas e pódense solicitar en www.lamolinera.net

O curso será impartido por Fernando Coladas Rodríguez, experto en robótica, programación e  impresión 3D pola Universidade Internacional de La Rioja, técnico en equipos microinformáticos e redes, programador amateur e amante da electrónica.

“Con esta actividade damos un paso máis adiante de La Molinera na súa aposta pola difusión das tecnoloxías e da cultura innovadora e colaborativa -asegura o concelleiro de Servizos Xerais, Jorge Pumar-. Non somos un centro formativo ao uso, ensinamos en obradoiros, mais tamén achegamos ferramentas e as poñemos a disposición dos cidadáns, as compartimos para crear xuntos. Queremos que La Molinera sexa o gran centro de creatividade, onde os nosos veciños e as nosas veciñas poidan atopar un espazo de innovación e colaborativo no que desenvolver os seus proxectos, como poderán facer aquí neste obradoiro. Con el, todos tamén nós comezamos a ser makers”.

Outra oferta formativa

En La Molinera haberá este xoves unha nova sesión do curso de Impresión 3D que se desenvolve durante esta semana e a seguinte, ademais da segunda sesión da actividade “Pon un negocio en Internet”, que pretende axudar a emprendedores a descubrir os elementos chaves para levar produtos e servizos á rede e extraerlle a máxima rendibilidade poñendo en marcha novos negocios ou aproveitando as posibilidades da comunicación online. A sesión deste xoves  de 16 a 20 horas, noméase «Queres crear unha web? Comeza con WordPress». Será na Aula CeMIT de La Molinera, e neste caso todas as prazas están cubertas. D

O ciclo continuará o 14 de xuño coa sesión sobre «Marketing dixital para captar e fidelizar os nosos clientes», e o 21 de xuño: «Quen visita a túa web? A resposta con Google Analytics».