Na mañá deste mércores unha empresa especializada enviada polo Concello de Ourense procedeu a desratizar o entorno da estación de autobuses e os accesos a zona termal do Tinteiro como resposta a petición feita pola Asociación Veciñal As Termas, situada na urbanización de vivendas sociais xunto da estación.
Dende a Asociación Veciñal o presidente Ángel Gómez sinala que «as veciñas e veciños agradecen a rápida intervención do Concello. A base de insistir pouco a pouco vanse conseguindo cousas; ben sexa pequenos arranxos e cuestións de mantemento como é o caso ou obras maiores como parque infantil que conseguiramos para o barrio, sen a participación activa da cidadanía non serían realidade».
A petición, rexistrada o luns e cun escrito anterior do mes de maio, urxía o desbroce e dos accesos dende a Rúa D ata a zona termal do Tinteiro así como denunciaba a presencia de ratas en varios puntos da urbanización. Despois da intervención deste mércores só queda pendente o desbroce que será atendido o antes posible segundo nos informou o Concello, apuntan dende o colectivo veciñal.
A esta reclamación súmanse as xa realizadas nos tres últimos anos e nas que dende a Asociación Veciñal se solicitaban o arranxo do firme do camiño e instalación de puntos de luz sen que polo momento estas peticións foran atendidas.