A Praza das Mercedes será unha festa o sábado á tarde. O colofón ao programa OciourenseXove16, o programa de actividades que levaron a cabo as concellerías de Sanidade e de Xuventude con fondos do Plan de Prevención de Drogas do Ministerio de Sanidade e no que participaron un total de 1.400 mozos e mozas da cidade. Globoflexia, xadrez, parkour, escalada, cócteles sen alcohol, un concerto de Dj’s ou unha tirolina xigante serán as actividades coas que se peche este programa “novidoso, diferenciador e divertido”, en palabras da concelleira Sofía Godoy. Será o sábado 11 de 16:00 a 22:30 horas, con acceso de balde.
Na presentación das actividades acompañaron a concelleira, entre outros, o Dj John Axiom, que o sábado estará acompañado de David Granha pechando o programa de técnicas de mestura de músicas. Tamén estaba o animador da actividade de Rol en Vivo, Jordi Verdejo, quen agradeceu o pulo ao lecer alternativo que se desenvolve en Ourense e adiantou o contido da actividade de rol: varios xogadores, por grupos, terán que descubrir un misterio agochado nalgún lugar do Casco Vello que poderá cambiar o curso da II Guerra Mundial.
O último convidado en intervir foi Elías González, presidente do Clube de Xadrez Ourensán, quen anunciou un torneo “atractivo, dinámico e vistoso”: Martín Gómez, catro veces Campión Galego, recentemente mundialista en Grecia, e Gabriel Roma, actual campión galego sub16, enfrontaranse simultaneamente a 20 xogadores en partidas cronometradas. A maiores, haberá un rocódromo xigante, unha tirolina e unha carpa onde pasar unha tarde de lecer alternativo e saudable.