A X Xornada sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética reunirá en Expourense a destacados relatores internacionais que abordarán temas punteiros na actualidade e presentarán experiencias pioneras na investigación xeotérmica e na construción de edificios de consumo “case cero”. Esta xornada, que busca divulgar o uso das enerxías renovables e a eficiencia nun momento no que reducir custos está presente tanto nas empresas como a nivel particular, celebrarase o vindeiro xoves 16 de xuño no recinto feiral ourensán e contará coa participación de expertos de Alemaña, Bélxica, Italia e España.
A presentación desta xornadas estivo presidida por Marisol Díaz, Mouteira, Delegada Territorial da Xunta en Ourense, que quixo destacar “a importancia do uso das enerxías renovables como a biomasa para, non só para aforrar custes, se non para tamén protexer o noso medio natural”. No acto tamén estivo presente o director xerente de Expourense, que remarcou “a aposta que se fixo hai xa dez anos por un sector que daquela era descoñecido e agora é un dos máis importantes da nosa comunidade”. Segundo declarou esta mañá Alfredo Fernández, xerente de INGEO e coordinador académico da xornada “trátase dunha cita de referencia para os profesionais do sector de toda España, que pola súa calidade de contidos e relatores atrae a moitas persoas ata Ourense”.
Xeotermia
A xeotermia será a protagonista da primeira parte da sesión de mañá destas xornada que dará comezo coa ponencia do Dr. Burkhard Sanner, Presidente do Consello Europeo de Enerxía Xeotérmica (Bélxica) que presentará as directivas e os programas europeos que se están a desenvolver para cumprir os obxectivos fixados no cumio sobre o clima de París. Dende Alemaña Erich Mands, do Consello Europeo para Calefacción e Refrixeración, presentará os novos modelos implementados nas “Smart cities” ou cidades sostibles.
Por outra banda, o Dr. Alberto Stella, coordinador das obras de captación xeotérmica máis importantes do norte de Italia, presentará unhas experiencias prácticas sobre o mercado da enerxía xeotérmica nese país, así como o director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Comunidade de Madrid, Carlos López Jimeno, presentará os programas que dende as institucións se están a levar a cabo nesa comunidade. Neste mesmo eido, o director Técnico do centro Canalejas de Madrid explicará o caso da implantación da xeotermia nese centro.
Pola súa parte, o Dr. Juan Carlos Durán, Profesor no Máster Universitario en Instalacións da Universidade Hispalense de Sevilla e Presidente da Asociación de Técnicos de Enerxía de Andalucía, impartirá unha ponencia sobre o as experiencias de grandes instalacións de enerxía xeotérmica en circuito aberto no sur de España.
Esta xornada inclúe unha conferencia sobre a eficiencia enerxética nas bombas de calor e a importancia do factor de rendemento estacional, así como o ecoetiquetado europeo que impartirá o bilbaíno Jaime Ruíz Ruíz, docente en cursos de posgrao sobre xeotermia e climatización nas universidades de Valencia, Atecyr, Fenercom e Badaxoz.
Eficiencia enerxética
O resto da xornada estará centrada na eficiencia enerxética e na sostibilidade. Comezará coa exposición de África Castro sobre a pila de combustible, un dispositivo cada vez máis empregado e que produce enerxía eléctrica a través dun proceso electroquímico. Posteriormente se presentarán casos prácticos de desenvolvemento enerxético en Galicia, como son o camping autosuficiente e ecosostible das Illas Atlánticas, e o “nearly Zero Energy Building” de Oleiros, que introducirá Manuel García, director de Magaral Ingeniería.
A sesión de tarde concluirá cun obradoiro práctico sobre sistemas de enerxías renovables hibridas no que participarán membros do Cluster da Enerxía Xeotérmica de Galicia.