Máis de vinte centros educativos da cidade mellorarán as súas instalacións, oferta formativa e servizos con investimentos de 2,3 millóns de euros por parte da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, detallou os proxectos: eficiencia enerxética, reparación de cubertas e fachadas e ampliación de patios e centros. Tamén se contemplan outros proxectos menores de reparación da instalación eléctrica, pintura ou substitución da carpintería exterior.
A Xunta de Goberno Local deu conta na súa sesión do informe remitido pola Consellería, que detalla as actuacións que se realizarán durante o verán con vistas ao próximo curso escolar. Serán en total obras en seis institutos (Ferro Couselo, 12 de Outubro, O Couto, Otero Pedrayo, Blanco Amor e Universidade Laboral) por un importe total de 587.010 euros, 12 CEIP (Inmaculada, Albino Núñez, As Mercedes, Mariñamansa, Prácticas, A Ponte, Manuel Luis Acuña, Mestre Vide, Seixalbo, O Couto, Manuel Sueiro e Irmáns Villar) por un importe de 594.151 euros, tres CIFP (A Farixa, A Carballeira e Portovello) por un importe de 131.000 euros, así como a ampliación da Escola Oficinal de Idiomas e arranxos no Centro de Educación Especial O Pino e no CPI José García de Mende.