O grupo municipal socialista denuncia, nun comunicado, a a situación «crítica» que se está a producir «pola falta de previsión e incompetencia» da concelleira de Comercio Ana Morenza e o Goberno do PP, pois desde finais do mes pasado Ourense non conta con ningún funcionario municipal habilitado para o control da colocación de veladores na cidade. Os socialistas falan de situación «caótica, especialmente entre os veciños e hostaleiros da zona dos viños no casco histórico, que xa trasladaron as súas queixas nos últimos días e que comproban ‘in situ’ que non se vixía, nin se controla, nin se emiten partes de denuncia ante a colocación de terrazas ilegais ou non autorizadas dende finais do mes de maio».
A concelleira socialista Juana Ageitos considera»imprescindible» contar cunha persoa que realice as funcións de Inspección Auxiliar de Comercio, un posto que figura actualmente vacante na RPT deste Concello dende o pasado mes de maio polo remate da comisión de servizos do funcionario que ocupaba dito posto, sen que o Goberno municipal levara a cabo a tramitación administrativa oportuna para dar cobertura novamente a dito posto. Tratándose de funcións especiais que non están asignadas especificamente a ningún outro funcionario dentro da RPT do Concello e tendo coñecemento de que estas tarefas poden estar a encargárselle a outros funcionarios de xeito irregular, o grupo socialista solicitou este xoves urxentemente un informe xurídico sobre se os axentes de Policía Local teñen entre as súas funcións as de levar a cabo as tarefas encomendadas ata o de agora ao Inspector de Comercio e que se atopan contempladas na súa ficha da RPT correspondente.
Para Ageitos, “Ana Morenza debería presentar a súa dimisión, cando xa quedou patente a súa incapacidade de xestión, previsión e falta de consenso que provocaron que o concurso do prego da Praza de Abastos da Ponte fora un fracaso, a ordenanza de veladores leve un ano de retraso, o concurso de mupis probablemente se veña abaixo pese as advertencias dos socialistas da falta de solvencia dunha das empresas, e o colapso e caos existente na Concellería de Comercio xa empeza a causar molestias a toda a cidadanía”.