Non resulta nada obvio entender por que a nosa esperanza e o noso desexo son que o 8 de xuño de 2016 sexa recordado como o día no que se puxo fin a case 30 anos de sinsentido na ordenación universitaria galega. Por iso explicamos a continuación os motivos que nos levan a considerar que o informe favorable emitido onte polo «Consello Galego de Universidades» sobre a implantación do Grao en Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense constitúe un fito histórico na planificación e xestión do mapa de titulacións do sistema universitario de Galicia (SUG).
Tras obter un informe favorable por parte da «Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia» (ACSUG), o pasado 19 de abril o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acompañado, entre outros, polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia, anunciou públicamente a decisión política de aprobar a proposta da UVigo de implantar o Grao en Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense.
Non resultou necesario consultar a opinión das Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña a través do «Consello Galego de Universidades». É máis, atrevémonos a afirmar que foi un enorme acerto non facelo, pois mais de 25 anos de funcionamento deste órgano de influencia política no que están representadas as tres Universidades galegas certifican que a posición de Santiago e A Coruña tería sido, sin dicilo explícitamente, «non a Aeroespacial porque non se implanta na nosa Universidade». Está demostrado que esta actitude, que non se manifesta noutras comunidades autónomas, ten minado considerablemente a oferta de titulacións do SUG, restándolle de xeito imperdoable oportunidades aos nosos xóvenes.
O proceso de implantación do Grao en Enxeñaría Aeroespacial debería de servir de exemplo de xestión racional e civilizada do noso sistema universitario. Baixo a premisa de que se ten aberto unha etapa mais profesional é competitiva na Universidade Galega, cómpre sinalar que as memorias dos graos en Biotecnoloxía (USC), Enxeñaría Biolóxica (USC) e Enxeñaría Física (UVigo) están aprobadas polas respectivas Universidades dende 2014. Tendo en conta a importancia per se da formación proposta e, tamén, que estas tres titulacións reforzarían considerablemente a oferta do SUG en sectores estratéxicos da industria galega futura como son aeronáutica, biotecnoloxía, nanotecnoloxía e novos materiais, non fai falta poñer dacordo ás tres Universidades para a súa implantación. Basta con aplicar o sentido común.
O lema da Universidade Cornell (EE.UU.), fundada por Ezra Cornell en 1865, é: «Gustaríame fundar unha institución onde calquera poida encontrar instrucción en calquera estudo». Este lema ben podería ser adoptado para unha anhelada nova era da Universidade Pública Galega na que, ao igual que en Cornell, se poidan estudar Enxeñaría Biolóxica, Enxeñaría Física, etc. A nosa experiencia de case 30 anos loitando pola educación superior avala que a sociedade galega estaría moi dacordo cun novo rumbo para o seu sistema universitario na dirección apuntada.
Etelvino Blanco
Plataforma Pro Campus