Disputarase este sábado 11 na piscina Rosario Dueñas de Ourense.

400 nadadores no Trofeo Pedro Escudero

A piscina olímpica do Pavillón dos Remedios acolle este sábado 11 de xuño unha nova edición do torneo Pedro Escudero de natación, a número 45, coa presenza de preto de 400 nadadores de 23 clubes de Galicia e de Asturias, unha cifra que supera as expectativas da propia organización. “Nacido nas orixes para completar un calendario nunhas datas nas que a competición en Ourense era escasa, e que actualmente xa está consolidado coma un dos grandes torneos da nosa comunidade”, subliñou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na presentación da proba.

Xornada
O torneo desenvolverase nunha soa xornada con dúas sesións, desde as 10:00 horas pola mañá, e a partir das 17:00 horas pola tarde. O acceso á celebración do torneo como público é libre e de balde. Haberá un total de 30 probas (15 masculinas e 15 femininas) e haberá medallas e premios en metálico para os tres primeiros clasificados. A novidade desta edición, segundo explicou Santi Escudero, fillo de Pedro Escudero e integrante do Clube Pabellón de Natación, “é a modificación do sistema de competición: trátase de non alongar a competición e conseguir máis fluidez tanto para as probas como para os espectadores”, dixo. Por iso, as probas da mesma distancia e estilo irán correlativas no programa competitivo.

Así, o ránking establecerase pola suma dos puntos FINA: baséase en comparar as marcas dos nadadores cunhas marcas de referencia establecidas pola Federación Internacional de Natación, de forma que as marcas de máis calidade reciben unha puntuación máis alta.

Ao Pedro Escudero non faltarán nadadores coma Laura Pimentel, Marc Ciurana, Alba Franco, Gaspar Andrade ou Anne De la Fuente, entre outros.