A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense deste venres aprobou as bases reguladoras para as axudas aos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas, para accións de promoción e xestión durante o ano 2016, nas cales se contempla como contía máxima dispoñible para as axudas de 200.000 euros sendo o importe máximo da axuda concedida a cada beneficiario de 50.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes finaliza o 15 de xullo de presente ano.
A Xunta de Goberno tamén aprobou resolución da convocatoria para a concesión de axudas para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas correspondentes ao exercicio 2016, aprobaron conceder 79.992,57 euros para diferentes asociacións e concellos da provincia de Ourense. Tamén aprobaron a resolución da convocatoria para as axudas enmarcadas dentro do programa “Ourense Líder” da Deputación para o ano 2016, polo que obtiveron a Beca Líder seis persoas como resultado da puntuación obtida na proba de inglés e na entrevista persoal.
Asemade, en materia de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda ao Concello de Piñor de 8.000 euros para a organización do Rallye Mix. Ao concello de Pontedeva, para o acondicionamento da antiga escola de Xinzo para vivenda unifamiliar, por valor de 54.500 euros. O Concello de Xunqueira de Ambía recibirá unha axuda para o pintado de elementos de iluminación pública, por importe de 6.000 euros, e para a recuperación do conxunto etnográfico A Pousa, de 18.000 euros. E, para o Concello de Xunqueira de Espadañedo aprobouse unha axuda de 40.000 euros para o remate e funcionamento do Museo de Alfarería.
Asemade a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para a agrupación Coral de Ruada para gastos de funcionamento e mantemento da entidade correspondentes ao ano 2016 por importe de 6.000 euros. Para a Estación de Inverno Mazaneda SA, unha axuda de 71.000 euros para o campamento de iniciación ao esquí para nenos e nenas da provincia de Ourense no ano 2016. Por último, outra das axudas aprobadas na xuntanza foi para a instalación e colocación dunha vidreira na Igrexa Parroquial de Sobradelo pertencente ao Bispado de Astorga e declaración do Concello de Carballeda de Valdeorras como entidade colaboradora por valor de 6.000 euros.