O edificio de xulgados do Couto conta desde este venres cun novo acceso, trala finalización e apertura do enlace que comunica a rúa Francisco Lloréns e a rúa Velázquez, que foi construído polo Concello cun investimento de 180.000 euros.
A obra permite resolver a accesibilidade exterior e a rede viaria interior, salvando a diferencia de cota ou altura, existente entre ambos viais e fai posible o acceso viario, peonil e inclusive de vehículos de emerxencias.
A actuación, executada pola empresa Obras e saneamentos de Galicia, soluciona o problema topográfico mediante a construción dun muro de micropilotes que separa a zona de tráfico rodado do peonil e a dunha rampla para o segundo.
A obra incluíu tamén infraestruturas básicas necesarias para o novo vial: rede de abastecemento de auga, alcantarillado, drenaxe, alumeado público e telecomunicacións, así como mobiliario urbano, plantas e arbustos. Para dotar á zona dunha iluminación óptima, tanto dende o punto de vista luminotécnico como económico, instalando luminarias con sistema de telexestión de eficiencia enerxética, e a canalización da rede de telecomunicacións.
Esta intervención abre un cómodo e renovado acceso á nova sede do edificio xudicial e supón unha rehumanización e revaloración desta zona no barrio do Couto, ao tempo que toda a zona na que estará tamén o Centro de Saúde que actualmente se constrúe.
Substitución de dous taboleiros da pasarela do Barbaña
Por outra banda, dentro de 10 días substituiranse por parte da empresa subministradora dous taboleiros deteriorados da pasarela do Barbaña. Serán analizadas por un especialista que determinará os motivos reais da rotura, xa que as pezas instaladas contan co correspondente certificado de calidade, que a xuízo dos técnicos non parece responder a unha mala execución nin a deficiente calidade do material, polo que avalían a posibilidade de que se trate un acto vandálico, máxime tendo en conta que non se atopa ese deterioro nos outros 378 taboleiros que ten a pasarela.