O presidente da AVV Agarimo do barrio da Cruz Alta, Manuel Carnero, presentou un proxecto da instalación dun ascensor no barrio, que subiría dende a esquina da farmacia (situada na parte baixa da rúa Xoán de Nóvoa) ata o alto desta mesma rúa, «e aquí outro para situarnos na rúa Nuño de Ousende».
O presidente deste colectivo fala das vantaxes da instalación deste ascensor: «poder subir 12 persoas en cada viaxe, ou poder subir unha cadeira de rodas ou un carriño de bebe, cun custe mínimo en comparación cunha escaleira mecánica, que supera na súa instalación en varios centos de euros». O mantemento en avarías -«que é moito menor»- sería outra das vantaxes do ascensor fronte ás escaleiras mecánicas que viñan propondo desde Democracia Ourensana.
A AVV Agarimo resalta a importancia deste servizopara uns veciños, «que na súa maioría son persoas maiores», e por iso pídenlle ao equipo de goberno e aos grupos da oposición que apoien esta obra, «de gran demanda e necesidade para un barrio cuns accesos moi complicados pola súa pendente».