O alcalde de Ourense, o popular Jesús Vázquez, compareceu este luns ante os medios de comunicación, acompañado da práctica totalidade dos concelleiros do grupo de goberno (só faltaba, por viaxe en Madrid, Jesús Cudeiro) para facer balance do primeiro ano á fronte do consistorio ourensán.
Un balance no que resaltaba, no apartado positivo, a “volta á normalidade, a ilusión e o traballo que o grupo de goberno leva entregado para tratar de sacar adiante moitos proxectos e tamén a receptividade e o cariño que amosa á xente”.
Tamén suliñou os entre “33 e 35 millóns de euros de inversión de la administración pública y 600.000 euros de inversión privada” captados neste período, que poñen de relevo que o Goberno municipal está “en activo” e a cidade “moviéndose”. E quere máis: «somos moi inconformistas, quero seguir poñendo proxectos de cidade enriba da mesa».
PXOM e orzamentos
O político popular foi preguntado polo estado dos dous documentos máis importantes para a cidade, o PXOM e os orzamentos. Dos orzamentos, que aínda dependen do trámite da RPT, o seu goberno valora se aprobar “unos presupuestos tardíos o unos presupuestos anticipados”, é dicir, esquecerse dos de 2016 e preparar xa os de 2017.
Con respecto ao PXOM, dixo que “no está paralizado”, explicando que o equipo redactor o está adaptando á nova Lei do Solo, e conta con ter o documento definitivo no mes de xullo. Vázquez descartou que vai haber unha segunda exposición pública, apoiándose no informe dos técnicos.
Estación intermodal
Con respecto ao AVE, o alcalde segue confiando en que “en próximos días” se materialice o convenio para a integración ferroviaria e se presente o proxecto intermodal que agarda “cumpra os requisitos que a cidadanía vén demandando”. O rexedor recoñeceu que quizais a ministra de Fomento “adiantouse moito”, ao aanunciar que se presentaría en abril (data que non se cumpriu), pero insistiu que “un, dous, tres meses en política non é nada para presentar un proxecto desta envergadura”.
Sobre a oposición
Jesús Vázquez amosouse crítico co modelo de oposición “de confrontación” que cre que debería mudar, e recoñece “parte de culpa” en que a relación non sexa todo o boa que puidera ser. “Temos que intentar falar máis”, asumiu.
Con respecto a unha posible moción de censura que o apee da alcaldía, Vázquez afirmou que “non me quita o sono” no sentido de que “o que vaia ser será, e se nos siguen boicoteando actuacións creo que o máis lexítimo sería que a presentaran”.
O alcalde presentou neste balance do primeiro ano de mandato un documento de 28 anos, co resumo do máis importante nestes últimos 12 meses en cada unha das concellerías. Aínda que non quixo autocualificarse, ao seu equipo de goberno poríalle «unha moi boa nota».