Os concelleiros de Ourense en Común Ledicia Piñeiro e Miguel Doval fixeron balance dos primeiros 12 meses no Concello de Ourense, período no que destacan a súa contribución ao aforro municipal e ao aumento da transparencia e a participación cidadá.
Ledicia Piñeiro indicou que cando chegaron por primeira vez ao consistorio ourensán atoparon “un Concello que malgasta e despilfarra, anquilosado nas formas e xestionando de costas á veciñanza”, e que hoxe, 12 meses despois, “a situación non cambiou demasiado”.
Pero si hai tres ámbitos nos que di Piñeiro, a súa presenza na Administración local serviu para modificar a positivo o estado de cousas. No gasto, “aforrando nós facemos que aforre o Concello”, , pondo como exemplo os 300 quilos de papel aforrados ao non aceptar o dossier diario de prensa; en transparencia: “as concelleiras de OUeC teñen públicas as declaración de bens e conseguimos trasladar estas prácticas ao Concello”; e na participación, “conseguimos a creación da mesa da mobilidade”.
No que se refire á valoración da xestión do grupo de goberno, desde Ourense en Común non están de acordo co termo “volta á normalidade” que emprega esús Vázquez. “Cal é a normalidade que ve o PP tendo un parque de bombeiros infradotado, cando un 23% das persoas están en risco de exclusión social, cando as traballadoras da limpeza non cobran durante cinco meses, é normalidade non ter feito nun ano unha nova RPT, é facerlle modificacións substanciais ao PXOM sen facer unha segunda exposición pública?”, pregúntase a edil da “marea” ourensá.
De feito, consideran que o PP goberna “ás costas da veciñanza e poñéndolle trabas á oposición”.
Abertos a un goberno alternativo
Preguntados sobre a postura de Ourense en Común ante unha posible moción de censura, Ledicia Piñeiro precisou que están abertos a dar apoio a un goberno alternativa: “lle dixemos a Jácome presenta un proxecto de goberno que poidamos trasladar a unha asamblea veciñal”. Iso si, recalcou, “non o podemos facer sobre un reparto de cargos, de sillóns ou de cartos”.