O Concello de Ourense celebra a cociña saudable cunha xornada na que diferentes expertos gastronómicos, todos eles detrás de blogs especializados, ofrecerán a súa particular visión sobre aspectos da alimentación e do consumo. A xornada desenvolverase en dúas partes, un show-cooking e unha mesa redonda dos propios participantes, e terá lugar na Aula Municipal de Cociña da rúa Vasco da Ponte, nas Lagoas.
O programa comezará ás 17:00 horas coa intervención de Alba Salgado López, de «Mi carnívoro y yo», falará de almorzos saudables (batido verde e smoothie bowl), snacks saudables (barriñas enerxéticas de quinoa -salgadasl e energy balls -doces-), comidas/ceas saudables (wok de espaguetis de calabacín -salteados con cherrys, tempeh, kale e pesto cremoso de aguacate; con opción crúa-), e doces saudables (xeado de plátano de varios sabores), “o xeado máis simple, san e natural cun so ingrediente base e todas as posibilidades que queiras”.
Ás 19:00 horas terá lugar a segunda parte do programa coa mesa redonda moderada polo ourensán Rubén Amorín, de «Ni mata ni engorda». Os relatores serán a propia Alba Salgado López, de «Mi Carnivoro y yo», Pilar López, de «Enclaveveggie», e Adriana Fernández, de «Nutricionista coaching».
As primeiras intervencións xirarán ao redor do mundo dos «Bloggers gastronómicos, unha moda ou unha ferramenta?» A segunda parte versará sobre temas tan diversos coma os que seguen: que entendemos por alimentación saudable; alimentación infantil; superalimentos; alimentación sostible e soberanía alimentaria; veganismo. azucres saudables; as manipulacións da industria alimentaria.
Para inscribirse no show-cooking, hai que dirixirse á Oficina de Xuventude na praza de San Martiño nº 2 ou no correo xuventude@ourense.es.