O Diario Oficial da Unión Europea vén de publicar o anuncio, da Dirección de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, para a adquisición, pola vía de procedemento aberto multicriterio, de mobiliario para o novo Edificio de Hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, por un orzamento de 1.498.802 euros.
O equipamento de hospitalización, camas e sillóns de pacientes, engádese así á recente adxudicación, por valor de 626.000 euros, de diversos lotes de equipamento electromédico e mobiliario con destino ás Unidades de Hospitalización Experimental deste mesmo edificio, actualmente nunha fase moi avanzada das obras, que contará cunha capacidade máxima de ingreso de 494 camas.
Este último equipamento experimental, xa a disposición do CHUO, e pendente do remate das obras para súa instalación, inclúe ademais do mobiliario específico para as unidades de hospitalización experimental (53 camas, sillóns de pacientes e acompañantes), ecógrafos portátiles de última xeración, así como distinto equipamento avanzado, previsto para o desenvolvemento dalgúns dos proxectos do H2050, como os que dirixirán os servizos de Rehabilitación e Psiquiatría.
Xunto eles, neste intre, a Dirección de Recursos Económicos do Sergas ultima os detalles para a licitación de novas partidas dotacionais para o edificio, que inclúen as novas instalacións da nova cociña central, alí situada, e que dará servizo a todo o complexo, así como diferente mobiliario e equipamento para as salas de docencia, espazos comúns, etc.