A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio levará a cabo unha mellora dos accesos ao núcleo de Casardomato-Esposende no Concello de Cenlle. Así se recolle no convenio asinado entre a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Cenlle, Gabriel Alén Castro, para dotar dunha mellora do firme para favorecer as condicións de tránsito e seguridade viario e, deste xeito, proporcionar maior calidade de vida á poboación deste núcleo rural.
O núcleo de Casardomato é un pequeno conxunto de edificacións pertencente á parroquia de Esposende neste municipio ourensán cuxos accesose son bastante deficientes. Caracterízase por unha grande presenza de formacións rochosas características das beiras do río Avia, e unicamente se pode acceder a Casardomato por tres estreitas vías (dúas delas procedentes de outros núcleos da mesma parroquia) que conflúen nun pequeno espazo onde resulta moi complicada a manobra dos vehículos.
A vía principal, que parte da estrada autonómica OU-211 (P.K. 3+850m), é unha estreita subida de pendente moi pronunciada que carece de pavimentación adecuada.
Por outra banda, o firme de acceso ao lugar mencionado encóntrase en mal estado polo que é necesario executar tamén a mellora da súa capa de rodadura. Neste sentido, as obras consistirán en limpar e pavimentar a vía principal de acceso a Casardomato ata o cruce de camiños, mediante o bacheo con grava e o asfaltado de toda a súa superficie. Tamén se proxecta o arranxo da vía que une os núcleos de Casardomato e Santa Mariña.
Tal e como sinalou a conselleira, o importe desta actuación non é moi elevado (o orzamento da obra non supera os 15.000 euros) pero a importancia e a urxencia é incuestionable, xa que garante a mobilidade e conectividade dos cidadáns e veciños deste núcleo.
Trátase dunha actuación que se enmarca dentro do Plan HURBE e que é posible grazas o orzamento de cinco novos millóns de euros que manexará o seu departamento, grazas a inxección que recibirá a Comunidade galega polo cumprimento do déficit.