A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteria, participou na inauguración da X Xornada sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética que se desenvolve en Expourense.
Díaz Mouteira salientou que a Estratexia Integral de Impulso da Biomasa, que está a desenvolver o Goberno galego, recolle que a aposta por esta enerxía limpa e a súa aplicación en diferentes sectores, como o agroalimentario, o agropecuario, ou o sector servizos, suporá a finais desta década un aforro anual de 70 millóns de euros na compra de combustibles fósiles, ademais de crear 1.000 novos postos de traballo e mobilizar un investimento próximo aos 500 millóns, evitando a emisión á atmosfera de 246.000 toneladas de CO2 ao ano. “Potenciamos, deste xeito, unha nova industria ao servizo da recuperación económica, ao mesmo tempo que aproveitamos todo o potencial dos nosos montes”, indicou.
Na súa intervención, a delegada territorial apuntou á eficiencia enerxética e ao impulso das fontes renovables como «dous dos piares básicos da actuación en política enerxética do Goberno da Xunta». Lembrou que a rendibilidade de implantar sistemas de enerxía renovable non é só económica, senón medioambiental, polo que a súa aposta beneficia a toda a sociedade.