A Caravana da Federación Internacional de Grupos de Folclore, integrada por sete formacións de países como Romanía, Israel, Francia, Chipre, Venezuela, Portugal ou Lituania, fará unha parada este domingo en Ourense no parque Angelita Paradela de Barrocás. Procedente da localidade portuguesa de Arcos de Valdevez, será o quinto ano consecutivo que visitan a cidade de Ourense.
Antes de partir rumbo a Bulgaria, mostrarán a súa arte ao público da cidade “sumándose así á grande oferta de actividades culturais do mes de xuño”, en palabras da concelleira de Cultura, Belén Iglesias. Posteriormente, e como detallou José Antonio Viñas, vicepresidente da Federación Internacional e director da agrupación Queixumes dos Pinos, “serán recibidos pola corporación municipal o luns antes de saír con destino Laias”. Volverán actuar na vila do Ribeiro e posteriormente seguirán o seu camiño rumbo a Bulgaria e Romanía.