O cineasta Simone Saibene proxectará por primeira vez o 26 de xuño o trailer do seu filme ‘Pelerinaxes’. Será na entrega do Premio Trasalba 2016, no pazo que alberga a Fundación Otero Pedrayo, en Ourense, como adianto do que será a súa segunda longamentraxe. Foi elixido este lugar porque o libro ‘Pelerinaxes I’, deste autor, inspirou a última película de Saibene, que se estreará en Galicia e no Festival de Cournoualle (Francia) no mes de xullo. A Fundación Otero Pedrayo foi tamén un dos plató elixidos polo director para a rodaxe da película.
Este filme fai o percorrido que en 1927 fixeron Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, entre Ourense e Santo André de Teixido (Cedeira). Un camiño que comeza na Praza do Ferro da cidade das Burgas e que percorre diversos pobos das provincias de Ourense, Lugo e A Coruña (Vilamarín, Monterroso, Palas de Rei, Lugo, Rábade, Vilalba, As Pontes e Ortigueira, entre outros).
Protagoniza a longametraxe a actriz Carmen Méndez, que encarna a Luzía, unha investigadora licenciada en audiovisual que percorre as oito etapas do camiño entre Ourense e Santo André de Teixido para rematar un proxecto audiovisual iniciado na universidade sobre o libro de Otero Pedrayo xunto cun compañeiro, morto anos atrás nun accidente.
‘Pelerinaxes’, que se sitúa entre a ficción e o documental, é o camiño que fai Luzía para a reconciliación co seu pasado. Neste traballo altérnase o percorrido da protagonista con entrevistas a homes e mulleres, figuras do mundo cultural galego coma Laura Tato, Valentín Carrera, Patricia Chachero, Susana Reboreda, Carme Fernández-Pérez Sanjulián, Luis Martínez Risco ou Alberto Allegue.
Ademais da actriz Carmen Méndez, o reparto deste filme confórmano tamén os ourensáns Xoel Yáñez, Alfonso Míguez, Ruth Sabucedo e Isabel Risco. A última, neta de Vicente de Risco, leu en Ortigueira o discurso que en 1927 lle foi negado ao seu avó por ser considerado un revolucionario durante a ditadura de Primo de Rivera.
A banda sonora de ‘Pelerinaxes’ foi composta por Daniel Minimalia, Ruxe-Ruxe, MCarballo, Elena Domínguez e Miguel Álvarez e foi gravada integramente en directo.
Exposición
Durante a rodaxe de ‘Pelerinaxes’, os fotógrafos Iván Fernández e Iago González tomaron fotografías que darán lugar a unha exposición que acompañará a película nalgunhas proxeccións. A inauguración desta mostra, patrocinada pola Escola de Arte Antón Faílde, de Ourense, e que amosa o making off da película de Simone Saibene, está prevista para o 19 de xullo.
Titulada ‘Dúas miradas cara San Andrés de Teixido’, mostra a visión dos dous fotógrafos, inspirados no camiño que fixeron as citadas figuras claves do galeguismo cara finais dos anos 20. As imaxes reflicten un cadro sobre a Galicia contemporánea, sobre a súa paisaxe e tamén sobre elementos identitarios que sobreviven á modernidade.