Esta fin de semana a Consellería de Cultura e Educación leva ata os municipios de Verín e Celanova, entre outros, as propostas de dinamización lingüística do programa ‘FalaRedes’, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Nestes derradeiros días da primavera, os protagonistas serán Os Bolechas, que seguen a espallar o espírito olímpico polo país, e o ‘Todo me fala de ti’, un tributo musical ao poeta Manuel María.
A primeira función de ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ terá lugar o sábado en Verín (Auditorio Municipal, 12:30 horas); e ao día seguinte farán parada en Celanova (Auditorio Municipal Ilduara, 18:30 horas).
Concurso olímpico para dinamizar o galego
O espectáculo ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ está pensado para gozar en familia. Os seis famosos irmáns requirirán a axuda dos rapaces e rapazas asistentes para superaren unha serie de probas e deste xeito venceren o seu antagonista Romualdo. Se, co apoio do público, o conseguen, terán garantido o seu pase para as Olimpíadas de Río 2016.
A participación promovida por esta actividade non se limita ao día do espectáculo, pois ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ ten continuidade a través das novas tecnoloxías, no web www.osbolechas.gal/olimpiadas.
‘FalaRedes 2016′
O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolven ao longo de todo o ano nos concellos da RDL. En todos os casos as actividades son de entrada libre e de balde ata completar a capacidade das salas.
Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.