A Xunta reforzará a súa colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro nos ámbitos da promoción e o control da calidade dos viños desta DO. Así o acordaron a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o presidente deste Consello, Felicísimo Pereira, nunha xuntanza de traballo mantida en Santiago na que tamén participou a nova xerente desta entidade, Cristina Alcalá.
Este encontro serviu de presentación dos novos responsables do Consello Regulador diante deste departamento da Xunta, que coordina o labor de posta en valor das producións agroalimentarias de calidade. O presidente da DO Ribeiro trasladou á directora os seus plans de traballo de cara ao futuro e amosou a súa disposición a seguir colaborando coa Administración autonómica neste eido.
A reunión serviu tamén para avanzar na colaboración entre a Xunta e o Consello Regulador de cara á organización e desenvolvemento da gala dos premios do Ribeiro, que terá lugar o vindeiro 29 de xuño en Leiro (Ourense).